Gandeiros Unidos decidiu non volver convocar os tractores nas rúas de Compostela. Tampouco van apoiar a mobilización organizada polos tres sindicatos agrarios.
Imaxe da tractorada, esta quinta feira á tarde, por Compostela
O voceiro de Gandeiros Unidos, Xosé Agra, asegurou que a asociación "en ningún caso" realizará esta sexta feira unha terceira tractorada, prevista, do mesmo xeito que na cuarta e na quinta, entre as 16h00 e 19h00 na capital galega, tras "conseguir" que a Administración "escoitase" as súas demandas e se comprometese a desenvolver "algunhas delas" no curto e medio prazo".
Esta decisión confirmouse nunha asemblea que se celebrou á noite, cando os produtores lácteos que dende primeira hora da tarde circularon por Compostela nos seus tractores -uns 900, segundo estimou Agra- chegaron ao momento de partida da protesta, á chaira de Salgueiriños. De igual xeito, Agra sinalou que "unha gran maioría" dos gandeiros se opuxeron á posibilidade de manter os tractores en Compostela durante a xornada desta sexta feira para apoiar as protestas convocadas polos tres sindicatos agrarios -Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego- e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), que teñen convocadas diversas accións ante estabelecementos de Carrefour, Lidl e Eroski en Lugo, A Coruña e Compostela.
Juárez cre que as tractoradas "non son unha solución"
O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, asegurou que as tractoradas desenvolvidas esta semana "non son unha solución" e, por iso, solicitou aos gandeiros que "comprendan que prexudicar a outros cidadáns" non mellorará a súa situación e tampouco producirá "ningún beneficio".
En declaracións aos medios antes, Juárez considerou que "esta medida de protesta" carece "realmente dunha significación especial" respecto das peticións expostas polas organizacións convocantes, ao subliñar que a Xunta "traballa" xa "en todos elas".
Así, destacou que o Goberno trasladou esas mesmas peticións -dirixidas a evitar que as cadeas de distribución comercialicen leite, na maioría dos casos procedentes doutros países comunitarios, a prezos por baixo dos custos de produción autóctonos, e demandando un prezo mínimo para o leite do país, que cobra os custes de produción- aos ámbitos estatal e europeo -a través do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) e a Comisión Europea-, a fin de "tratar de impulsar os prezos do leite" e "o futuro do sector nos próximos meses cara a unhas mellores perspectivas". De igual xeito, indicou que o Executivo galego impulsou, na comunidade, medidas como o adianto do pago único e adicional da Política Agraria Común (PAC) a fin de articular unha "axuda inmediata ao sector" que achegue "liquidez" aos produtores lácteos en "un momento difícil".
Sobre o encontro cos responsábeis de Gandeiros Unidos, Juárez sinalou que Medio Rural vai dar "unha resposta positiva", e que mantiña contactos con industria e distribución para "buscar un achegamento entre ámbalas dúas partes" e chegar a "algún tipo de solución".
Novas mobilizacións pola defensa do sector leiteiro
Esta sexta feira, os tres sindicatos maioritarios no agro galego (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego) teñen previsto concentrarse á porta de grandes superficies comerciais que venden leite foráneo a baixo coste.
Pola súa parte, o Sindicato Labrego, que participou na tractorada nacional da pasada cuarta feira, fixo pública unha nota agradecendo a solidariedade dos cidadáns coas mobilizacións. Membros desta organización tamén participaron este xoves nunha protesta en Bruxelas. Máis de 700 tractores alemáns e franceses saíron á rúa para reivindiar prezos dignos para o leite.