Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Concentración dos traballadores en Compostela

Por que non apoia a Xunta o proxecto cooperativo para a planta leiteira de Outeiro de Rei?

Mentres os traballadores afectados polo ERE preguntaban na capital, o conselleiro de Medio Rural visitaba os terreos da queixería valisoletana subvencionada pola Xunta.

Redacción - 19:30 28/10/2009
As principais cooperativas do país aspiran a facerse coa planta de Outeiro de Rei

As principais cooperativas do país aspiran a facerse coa planta de Outeiro de Rei

Nun mes e medio expira na factoría de Pascual en Outeiro de Rei o prazo do Expediente de Regulación de Emprego (ERE ) temporal que, de non ir adiante alternativa ningunha, implicará a extinción dos contratos de 135 persoas, alén das 20 xa acollidas anteriormente a saídas incentivadas. Malia a urxencia da situación e a existencia de proxectos enriba da mesa, o Goberno non deu paso aínda en apoio das iniciativas posíbeis. O comité de empresa non obtivo resposta aínda ás peticións de xuntanza cos responsábeis das consellarías de Economía e Industria, Traballo e Benestar e Medio Rural. "Parécenos vergonzoso", reprochan.

Nesta situación, os traballadores acudiron este mércores a Santiago de Compostela para realizar unha concentración en protesta pola actitude da administración e reclamando "de viva voz" a opinión da Xunta sobre o conflito. "Un dos obxectivos de chegar a un acordo para ter catro meses de suspensión dos contratos mediante este ERE era que durante eses meses puidese reactivarse a factoría de Pascual", lembran.

"Onde están, que non se ven, as solucións do PP!"
Atrás de cartaces con lemas como "Polo mantemento dos postos de traballo do sector lácteo" e Baixo o lema "Impulsemos Lugo" e ao berro de "Onde están, que non se ven, as solucións do PP!", protestaron diante dos edificios da Xunta na capital.

O avogado dos traballadores, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, censurou o silencio da Xunta que non só mantén silencio sobre a situación senón que nin sequera ofrece unha "explicación pública" de por que "entende" que algún dos tres proxectos para recuperar a actividade na factoría lucense "non é serio ou viábel". "Sabemos que teñen enriba da mesa proxectos que poden recuperar a factoría", recordou, salientando que a actividade da planta "alimentaba" 155 familias e máis de 1.000 postos de traballo indirectos, entre gandeiros, transportistas e comerciantes da bisbarra. Lembrou Rodríguez Feixoo o consenso que existe arredor do proxecto das cooperativas lácteas e sinalou que existen cando menos outros dous, "avalados" por unha "empresa internacional de auditoría" e "as entidades crediticias de maior solvencia de Galiza". "Iso dános pé a pensar que é un proxecto serio", subliñou.

Juárez visita os terreos de Entrepinares
Na mesma xornada, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, visitaba en Vilalba os terreos onde a empresa Queserías Entrepinares, con sede en Valladolid, construirá proximamente unha fábrica, logo de recibir unha inxección económica de seis millóns de euros por parte da Xunta.

Xustamente, esta operación fora criticada por PSdeG e BNG que consideran esa axuda un exemplo de agravio comparativo cara ao sector leiteiro galego por parte do Goberno, ao que acusan de "darlle as costas" ás cooperativas do país no seu intento por comprar a planta de Pascual.

Na súa visita deste mércores, Juárez destacou o investimento total de 25 millóns de euros que fará Entrepinares e "a creación de máis de 40 postos de traballo" e defendeu o outorgamento ao proxecto dunha subvención ao abeiro das as "axudas a investimentos de transformación e comercialización de produtos agrarios 2007-2013". "O respaldo a iniciativas como esta, que representará un importante pulo para a creación de riqueza e emprego na Terra Chá, responde á política da Xunta de fomento da competitividade do sector lácteo, a través de produtos de maior valor engadido e con menor risco de substitución que o leite líquido de longa duración", afirmou o conselleiro.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: