Segundo denuncia a CIG, esta externalización está a provocar atrasos na identificación animal e nos permisos de queima, ademais de deixar na rúa a 24 traballadores.
O CIAG tamén é o responsábel de dar os permisos de queima
Os últimos traballadores do Centro de Información ao Agro Galego (CIAG) xa recibiron a súa notificación de despedimento. Os 24 empregados que, a través do teléfono 012 atendían os avisos en materia de identificación gandeira, lingua azul ou danos xerados por temporais ou fauna salvaxe, sumáronse aos centos de traballadores vencellados a Seaga que tiveron que deixar o seu traballo mentres empresas privadas asumen os seus cometidos, tal e como informaba Vieiros hai dúas semanas.
O secretario de Servizos da CIG, Paulo Rubido, atribuíu este martes en rolda de prensa estes despedimentos á “decisión da Xunta de evitar facer fixos a estes 24 empregados que, nalgúns casos contaban até con oito anos de experiencia”. Asemade, acusou a Administración de “incumprir coa lexislación” ao considerar que recorreu ao procedemento de urxencia para a adxudicación “a dedo” deste servizo, que agora exercerá a empresa de telemárketing GSS. En resposta, Rubido adiantou que a Xunta “atopará coa oposición da CIG nesta onda de desmantelamento dos servizos públicos, pola vía xudicial e na rúa”.
Atraso no servizo
Ademais dos veterinarios e dos administrativos, no CIAG unha quincena de persoas atendían unha media de 300 chamadas diarias por persoa en xornadas de oito horas e media por un salario igual ou inferior aos 1.000 euros. O feito de que a Xunta prescindise destes empregados está a atrasar os servizos que prestaban, como a identificación animal ou os permisos de queima, por exemplo. Entre as demoras denunciadas, a CIG asegura que “os animais que antes se identificaban cada oito ou dez días na actualidade aténdense cada mes ou mes e medio”.
Ademais, segundo denuncia a CIG, a nova adxudicataria do servizo excluíu “expresamente” os profesionais contratados por Seaga do seu proceso de selección para desenvolver o traballo.
Análise en Vieiros: