Os conservadores mostran "certificados" que probarían que toneladas de residuos tóxicos procedentes porto de Vigo acabaron enterrados en Cerceda.
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), a mesma que abriu a forte guerra entre o bipartito e o PPdeG meses antes da campaña, volve estar en primeira liña informativa. Logo de que o PSdeG anunciase unha querela contra o conselleiro Agustín Hernández por certificar irregularmente unha obra, os conservadores atacan con supostas ilegalidades cometidas en Sogama. Este mesmo sábado o voceiro do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, acusaba a Pachi Vázquez de ser o “responsábel político directo” do enterramento “irregular” de 15 mil toneladas de residuos do dragado do Porto de Vigo, no polémico verteroiro d' A Areosa (Cerceda).
Proba de que a guerra de dossieres poida que só estea nunha fase inicial é que Ruiz Rivas exhibiu diante dos xornalistas este sábado dous certificados expedidos pola empresa Daniga (concesionaria do vertedoiro) que “confirman” que en Cerceda se enterraron “toneladas de residuos altamente contaminantes” que procedían do dragado do porto olívico.
O PPdeG subliña que “a credibilidade de Vázquez está polo chan” e pídelle que deixe de facer “caza de bruxas” (en alusión á denuncia penal contra Agustín Hernández). A modo de advertencia, os “populares” anunciaron que van facer un completo informe sobre as “responsabilidades políticas” do BNG e do PSdeG nos seus catro anos de Goberno.
Reaccción do PSdeG
O PSdeG reaccionou pouco despois das palabras de Ruíz Rivas denunciando que a Xunta vén de encargarlle a auditoría de Sogama a un curmán do conselleiro Alfonso Rueda.